Imprimir

Apertura do Centro de Saúde

el . Publicado en Sanidade

Con moito retraso sobre o inicialmente previsto, o día 7 de maio inaugurouse o Centro de Saúde do noso barrio. Nos últimos dous anos, a Asociación Veciñal de Navia “Emilio Crespo” tivo que denunciar este retraso inxustificado de distintos xeitos: falando directamente cos responsables políticos, mediante varios escritos presentados no rexistro da Xunta de Galicia, e con notas de prensa enviadas aos medios de comunicación. Como resultado conseguimos o compromiso de apertura para maio e, aínda que tarde, dámoslle a benvida a esta infraestrutura tan necesaria para as veciñas e veciños de Navia. Agora tócanos asegurar que se dota do persoal, das especialidades médicas e dos equipamentos suficientes para dar unha atención sanitaria pública de calidade á poboación adscrita a este centro. Estaremos expectantes.

 

A día de hoxe, están traballando catro médicos de familia e un de pediatría.

Deses catro médicos, hai un co “cupo” aberto para os que decidan pasarse xa a este centro. Trátase da Dra. Isabel Barrios, que antes consultaba no C.S. de Beiramar. Os especialistas desta Dra., corresponden maioritariamente ao Hospital Xeral.

 

Para poder inscribirse, é necesario presentar a Tarxeta Sanitaria e o DNI, no mostrador do centro.

 

O horario do centro é de 8:00 a 15:00 horas. Mais adiante, conforme aumente a demanda de inscritos, poderá ampliarse o horario de atención para a tarde.

O tlf. para solicitar cita no propio centro é: 986.821.949

O tlf. de información ou para contactar directamente cos médicos é: 986.821.945

 

Ademais de poder pedir cita entrando na páxina web do Sergas, tamén pódese solicitarse no teléfono único do Sergas (centraliña): 986.806.350, dispoñible ás 24 horas, no que se seguirán os pasos que indica o sistema informático.