A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do IGVS, estivo traballando na adaptación das fases III-B, IV, V e VIN do Plan Parcial de Navia ao novo PXOM tendo en conta dous obxectivos: atender as demandas dos veciños e veciñas, e lograr un maior aproveitamento da edificabilidade pendente.
A proposta busca a integración gradual da parroquia co novo ámbito urbanístico proxectando bloques de baixa altura; a construción de 1.442 novas vivendas de protección oficial e 1.853 novas prazas de aparcamento público. Perséguese a creación de novos espazos de convivencia con 34.500 metros cadrados de zonas verdes e de esparexemento onde se conservarán as especies autóctonas; un carril-bici de 2,2 quilómetros de lonxitude; 6 novas conexións viarias do polígono coa cidade e, para rematar, unha mellor distribución das zonas de equipamento e uso terciario.