Imprimir

VIVENDAS DA CONSELLERIA

el . Publicado en Urbanismo

EN SAN PAIO DE NAVIA

A empresa adxudicataria dispón dun prazo de 28 meses para a execución das obras
As vivendas distribuiranse en dous edificios con catro andares de soto, planta baixa e entreplanta, doce andares para as vivendas e planta cuberta
Trátase dun proxecto innovador no que se contemplan solucións como a captación da enerxía solar ou a ventilación mecánica das vivendas

Santiago de Compostela, 5 decembro 2006.- A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, adxudicou por 35.082.000 euros a construción de 384 vivendas de promoción pública no Polígono Residencial de San Paio de Navia en Vigo. A empresa adxudicataria dispón agora dun prazo de 28 meses para a execución das obras.

 

Ao concurso convocado pola Consellería de Vivenda e Solo presentáronse un total de dezasete propostas, resultando adxudicataria a empresa COPASA, por formular a proposición máis vantaxosa no seu conxunto e rebaixar o prazo máximo de execución de 30 meses proposto pola Consellería no prego de bases que rexeu o concurso.

Esta actuación desenvolverase na parcela P-XVII do Polígono Residencial de Navia cunha superficie de 5.456 metros cadrados e unha edificabilidade máxima de 42.500 m2. O proxecto executarase en dous bloques que albergarán 192 vivendas cada un. En altura, cada un dos edificios contará con catro andares de soto para uso de rochos e prazas de garaxe, planta baixa e entreplanta para uso comercial e oficinas, doce andares que albergarán as vivendas, e planta cuberta para uso de instalacións.

As 384 vivendas terán unha superficie útil que oscilará entre os 63 e os 90 metros cadrados. Serán 80 vivendas de dous dormitorios, 223 vivendas con tres dormitorios e 81 vivendas de 4 dormitorios. Doce destas vivendas, de 3 dormitorios e 88 metros cadrados útiles, estarán adaptadas para discapacitados.

A pesar de que o proxecto de execución conta con licenza anterior á entrada en vigor do Código Técnico da Edificación (CTE), trátase dun proxecto innovador no que se contemplan solucións como a captación da enerxía solar ou a ventilación mecánica das vivendas, cumprindo así coas prescricións recollidas no CTE. Nese sentido, esta actuación enmárcase dentro do obxectivo da Consellería de Vivenda e Solo de desenvolver proxectos construtivos que garantan o mellor aproveitamento das parcelas, a mellor distribución dos espazos e a sostenibilidade das edificacións.

Características dos demandantes
As 384 vivendas de promoción pública de San Paio de Navia están destinadas a persoas cuxas rendas non superen os 1.200 euros mensuais, é dicir, rendas de ata 2,5 veces o Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples (IPREM). Serán adxudicadas en réxime de aluguer, para as rendas de entre 0,7 e 1,5 veces o IPREM, e en réxime de compra-venda para o resto dos casos. Se o adxudicatario ten unha renda de entre 1,5 e 2 veces o IPREM, a minoración no prezo de venda será do 40%, mentres que para as rendas de entre 2 e 2,5 veces o IPREM, a redución no prezo de venda será do 30%.