Imprimir

A XUNTA LICITA 384 VIVENDAS EN NAVIA

el . Publicado en Urbanismo

A Xunta sacou á licitación 384 vivendas de promoción pública no polígono de San Paio de Navia. A contía máxima prevista da contratación ascende a 35.725.495 euros. As obras teñen un prazo de execución de trinta meses e a Consellería de Vivenda estima que se iniciarán no próximo mes de novembro. Onte a consellería sacou a concurso a dirección de obra e a coordinación de seguridade e saúde por importe de 1.480.869 euros.

A parcela na que se edificarán as vivendas obxecto de concurso ocupa 5.456 metros cadrados nos que se levantarán dous bloques de 192 vivendas cada un.

Das 384 vivendas proxectadas 80 contarán con dous dormitorios e unha superficie útil de 63 a 65 metros; 223 pisos terán tres dormitorios e entre 78,5 e 88 metros e 81 vivendas dispoñerán de catro dormitorios e posuirán 90 metros cadrados.

Das vivendas previstas, doce delas, de tres dormitorios e 88 metros cada unha estarán adaptadas ás necesidades de minusválidos.

 

Os edificios terán doce plantas de vivendas, catro sotos para garaxes e trasteiros, planta baixa e entreplanta para uso comercial e de oficinas.

As vivendas serán adxudicadas en réxime de compra e aluguer e van dirixidas teoricamente a unidades familiares que non superen os 1.200 euros mensuais de ingresos brutos. Esta cantidade supón 2,5 veces o indicador público de rendas múltiples.

O prezo de venda establecido pola consellería para esta promoción oscila entre os 67.780 euros para as vivendas de dous dormitorios e 63 metros cadrados e 91.242 euros para as vivendas de catro dormitorios.

Se o solicitante ten uns ingresos familiares que oscilan entre 336 euros e 720 euros ao mes poderán optar a alugar a vivenda. Se o que opta a ela cobra menos de 960 euros brutos ao mes terá dereito a que lle rebaixen o prezo de compra da vivenda un 40%.

Denuncias

Desde que se puxo en marcha o P.A.U. de Navia no anterior goberno do PP presentáronse varias queixas e denuncias administrativas por sobreprecios na venda de pisos. Algunhas persoas queixáronse de que lles esixiron máis de 150.000 euros por unha das vivendas. Co novo goberno reiteráronse as denuncias.