Imprimir

CARTA Á ALCALDÍA CON DEMANDAS SOBRE A RÚA TEIXUGUEIRAS

el . Publicado en Xestións

Dende Asociación Veciñal de Navia, enviouse un escrito áo Concello de Vigo e a Alcaldía para manifestar as carencias e necesidades que os veciños da rúa Teixugueiras padecen condicionando o correcto desenvolver da vida nesta zona da parroquia de Navia. A continuación publicamos o texto do escrito enviado a Alcaldia e aos medios de comunicacion.

Sra Alcaldesa:

Dende Asociación Veciñal de Navia, poñémonos en contacto con vostede co fin de manifestar as carencias e necesidades que as veciñas e veciños da rua Teixugueiras na Parroquia de Navia vimos padecendo, feito que condiciona o correcto desenvolvemento das nosas vidas cotiás dun xeito DIGNO e SEGURO.

Nun barrio coma este, novo, de xente nova, que xa conta cunha alta poboación, que medra día día e con grande proxección demográfica, é lamentábel que, cumprindo coma cumprimos coas nosas obrigas canto a impostos e taxas municipais, non teñamos cubertas determinadas necesidades básicas por razóns que descoñecemos ou que intuímos, pero non xustificamos, xa que consideramos que a Administración Local, a máis próxima a cidadás e cidadáns, ten que representarnos e defender a nosa SEGURIDADE e INTEGRIDADE, independentemente da existencia de aspectos administrativos e burocráticos que estean por solucionar.

· por todo o exposto polo que esiximos a máxima dilixencia á hora de aplicar solucións aos problemas que deseguido expoñemos, véndonos obrigadas e obrigados a seguir outros xeitos de demanda e reivindicación se non obtemos resposta urxente.

Demandamos solucións aos seguintes problemas:

A limpeza e recollida de lixo é de todo INSUFICIENTE: habitamos un barrio sucio, no que o lixo se amorea nas beirarrúas, sen apenas brigadas de limpeza, poucos contedores, maleza e incluso ratas.

Un tramo da rúa Teixugueiras non conta con alumeado público, o que orixina PROBLEMAS de acceso peonil ao barrio, de accidentes de viandantes nunha zona pragada de obras, de seguridade cidadá, etc.

Non hai vixiancia policial que controle as CARREIRAS ILEGAIS, os problemas de hixiene e de posibles accidentes derivados da presenza de ANIMAIS CEIBOS, así como doutros acontecementos vencellados á seguridade.

Configuramos un territorio illado, que non está ligado ao núcleo tradicional de Navia nin ao próximo barrio de Coia debido a barreiras estructurais, vendo limitado o acceso aos seus servizos, como o transporte público, o comercio, as zonas de esparexemento, a educación, etc. Para superar ditas barreiras temos que tirar do coche (sí, nos tempos da Axenda 21, do urbanismo sostentable e da cidade humanizada) ou, no caso das persoas que non dispoñen doutros medios, utilizar algún dos ESCASOS e PERÍGOSÍSIMOS pasos peonís cos que contamos. Demandamos máis accesos peonís ao PAU, así como a busca de solucións URXENTES de mellora da seguridade para os que xa existen, co fin de evitar circunstancias que se poidan lamentar cando xa non teñan solución.

Agradecémoslle a atención prestada e quedamos á súa disposición para aclarar calquera dos aspectos aquí salientados.

En espera das súas novas, reciba un cordial saúdo

Navia a 10 de Outubro de 2006

Asdo.: Xosé Sánchez Blázquez
Presidente da Asociación Veciñal de Navia